aprendizaxe colaborativa


É O MESMO APRENDIZAXE COOPERATIVA QUE TRABALLO EN GRUPO?

 


A COMPOSICIÓN DOS GRUPOS DEBE SER MOI ESTUDIADA DENDE A TITORÍA EN BASE A SOCIOGRAMAS E GRAOS DE COMPETENCIA DOS INTEGRANTES


A FORMACIÓN DOS GRUPOS É FUNDAMENTAL. OS GRUPOS SON ESTABLES, PARA TODO O CURSO E PARA TODOS OS DOCENTES IMPLICADOS.


O MÁIS RECOMENDABLE SERÍA IMPLICAR UN GRUPO DE DOCENTES DUN MESMO CENTRO NESTAS TÉCNICAS A TRAVÉS DUN PROXECTO DE FORMACIÓN EN CENTROS.



PARA UNHA PRIMEIRA APROXIMACIÓN PODEDES LER A SEGUINTE EXPERIENCIA.


"...Durante dous cursos estiven implicado nun grupo de traballo sobre a aprendizaxe cooperativa. A través do Centro de Formación de Pontevedra e baixo a supervisión da Universidade de Vic, un grupo de profesores e profesoras do IES de Pontecaldelas puxemos en práctica estruturas de cooperación simples ( lapis ao centro, 1,2,4, folio xiratorio, lectura compartida, grupo nominal...) e fomos creando un plan de traballo para todo un trimestre no que aplicabamos este método á nosa materia. Debo dicir que a satisfacción de traballar así é moi alta. Todo o esforzo de pensar actividades nas que se puidesen aplicar as estruturas cooperativas queda compensado cando ves o grado de participación e implicación do alumnado. O traballo cooperativo non é traballo en equipo sen máis. Aquí a responsabilidade individual é moi grande. O reparto de roles dentro do grupo para incentivar a participación, a coordinación, a execución das tarefas, etc. é clave para que o grupo funcione, pero antes debemos realizar con eles unha serie de actividades que favorezan o coñecemento mutuo e a confianza no outro. Aí é onde entra o labor de educadores que todos deberiamos levar dentro. Si non hai un bo clima grupal é difícil impartir docencia sexa cal for o método. A importancia das actividades de coñecemento é capital. Non é unha perda de tempo. Facelo ben che vai a proporcionar moitas vantaxes no futuro.

Para traballar así é necesario coñecer ben ao grupo, saber que poden ofrecer tanto a nivel académico como a nivel persoal. Ese coñecemento vainos a permitir crear grupos heteroxéneos de catro alumn@s onde se mesturen bos alumnos con outros que necesitan unha maior monitorización e con outros de tipo intermedio. Uns aportarán ideas, outros intelixencia social e probablemente todos aprenderán os uns dos outros. Sempre a execución dun sociograma é moi útil para saber crear os grupos. Non é tarefa fácil.

Unha vez creados os grupos debemos deseñar a estrutura dos temas de forma que o alumnado resolva as cuestións- problema presentadas polo profesorado de forma autónoma. Na lectura compartida, no debate sobre a resposta á cuestión, na procura da información, o alumnado está interactuando e aprendendo de forma recíproca.

Dentro dos grupos, a medida que avanza o coñecemento das técnicas de traballo cooperativo eles mesmos van autorregulándose e avaliándose. É o momento da reflexión como grupo cooperativo, é o momento de asumir e repartir roles: coordinador/a, secretari@, encargado de controlar as intervencións, os tempos de intervención, de facer participar aos “remolóns”, da eficacia na execución da tarefa. De todo isto hai que levar un control. O propio alumnado faino, nós sempre supervisamos. Aquí o rol do profesor é outro. Convertémonos en propiciadores de debates, en supercoordinadores do traballo do alumnado. Son eles os que se organizan. Por suposto eses roles asumidos por cada un dos integrantes do grupo teñen que ser rotatorios para que todos e todas aprendan as diferentes responsabilidades de traballar de forma colectiva.

 

As vantaxes que lle vexo a este sistema son moitas:

  • Favorece o coñecemento mutuo entre o alumnado. Axuda a superar estereotipos.
  • Fomenta a cooperación e a axuda entre iguais
  • Obriga á participación de todos. Acabouse que participen sempre os mesmos.
  • Adáptase perfectamente ás esixencias das competencias educativas. Permítenos avaliar mellor.
  •  Aprenden os uns dos outros. O control regúlano eles. Desaparecen moitas tensións
  •  Permite atender moito mellor a diversidade
  • Traballan de forma activa. Buscan información, seleccionan, explican eles
  •  Aprenden técnicas de traballo moi útiles para resolver cuestións complexas.

 

As dificultades deste sistema son:

  • É necesario traballar ben as actividades que favorecen o coñecemento mutuo do alumnado
  •  Hai que crear ben os grupos de traballo.
  • Debemos vender ben as vantaxes de traballar así porque o alumnado bo é moi reticente a compartir tempo, esforzo e coñecemento con alguén ao que considera menos hábil.
  • Debemos deseñar ben os temas porque non se avanza ao ritmo da clase maxistral
  •  A necesidade de que cubran a ficha de autoavaliación burocratiza un pouco este método.

 

A experiencia de traballar así é, en xeral moi gratificante, si logramos evitar unha certa burocratización do traballo. Si non o fixeches aínda, deberías probar.Iso si, prepárache para traballar moito, non tanto en clase como fóra dela porque hai que pensar en moitos detalles. Verás que o esforzo paga a pena..."

 

Humberto Martínez Gargamala