Intencións

as nosas razóns


A intención deste pequeno espazo é a de recompilar algúns materiais que sexan de utilidade par aqueles que se animen a emprender unha aventura nos territorios do que se coñece como ABP: Aprendizaxe Baseada en Proxectos.
A aprendizaxe por proxectos non é algo novo nin orixinal. Centos de docentes ensinaron así aos seus alumnos e alumnas unidos polas mesmas aspiracións de aprender facendo, de fomentar a creatividade e poñer en valor o propio. Aínda así, esta forma de ensinar e aprender sempre pareceu estar en desvantaxe fronte á instrución directa, poida que enganosamente máis efectiva a curto prazo e que ademais proporciona ao docente unha sensación de seguridade e control fronte á incertidumbre e vulnerabilidade que implica unha docencia máis aberta e, en certo xeito, arriscada por imprevisible. 

Entendemos que as Bibliotecas Escolares, sempre que estean ben dotadas e conten co persoal suficientemente formado e ben organizado, son o recurso ideal nos centros, ben para facer propostas deste tipo ou ben para apoiar, documentar, organizar e difundir as que poidan facer outros compañeiros. 
A curación de contidos, o filtrado, organización e difusión da información  é unha das funcións máis importantes e específicas dunha biblioteca escolar e a formación neste tipo de competencias a alumnado e profesorado presta un servizo inestimable á hora de xestionar os proxectos que poidan xurdir en calquera comunidade escolar.
Dende a miña perspectiva de máis ou menos dez anos á fronte dunha biblioteca escolar podo dicir que as mellores experiencias foron aquelas en a que varios docentes colaboramos e sacamos adiante, xunto a grupos de alumnado, pequenos proxectos que culminaron en documentos dos que no seu momento todos os participantes sentímonos especialmente orgullosos e non só dos produtos finais, senón do proceso, non sempre fácil nin exento de dificultades, que levou á súa culminación.
Esta escolma de materiais non pretende aportar nada novo, só é un a recompilación de documentos, aos que se irán engadindo outros, para provocar a reflexión entre docentes, para guiar os primeiros pasos, para axudar a empezar a andar por un camiño que animamos a explorar ao menos de cando en vez. 


Non nos resistimos a incluir, para rematar, esta infografía adaptada de an Ethical Island: 27 things your teacher Librarian Does con algunhas das funcións máis importantes que deberían ser asumidas dende a coordinación dunha biblioteca escolar. Non foi unha sorpresa en absoluto comprobar que son as mesmas directrices que desde a implantación do PLAMBE
 estanse a difundir curso a curso a través da formación impartida dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares.          



Descarga
biblioteca_ escolar.pdf
Documento Adobe Acrobat 522.4 KB